Privatdozent é, desde o século XIX, un título universitario de tradición alemá en Europa. Designa aos ensinantes que recibiron unha habilitación,[1] pero que non obtiveron (aínda) unha cátedra de ensinanza ou de investigación. Por iso, o Privatdozent non recibía remuneración ningunha por parte do goberno; porén, era un paso obrigado para obter unha cátedra.
O título de Privardozent estableceuse en Prusia ao redor de 1810, e non se convertería en común até 1860. Este título académico existe en Alemaña, Austria e Suíza.[2]
O Privatdozent está autorizado para dar, ademais de titorías, conferencias na Universidade, polo privilexio de venia legendi. En Suíza, o dereito de venia legendi concédese por un período de tres anos, renovábel.[3]
Noutros países utilízanse os termos equivalentes docent / dosent / dozent / доцент en Bosnia-Hercegovina, Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Hungría, Lituania, Macedonia do Norte, Noruega, Polonia, República Checa, Rusia, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, Suecia, Turquía, Ucraína etc.